Ministerio de Economía y Competitividad
Logo FAAF


Preguntas frecuentes

 

¿Que é o FAAF?

O Fondo para a Adquisición de Activos Financeiros, creado polo Real decreto-Lei 6/2008 e desenvolto pola Orde EHA/3118/2008, é un Fondo sen personalidade xurídica propia, adscrito ao Ministerio de Economía e Facenda, que se dota inicialmente con 30.000 millóns de euros, ampliables a 50.000 millóns de euros, para a compra de activos financeiros de máxima calidade, segundo criterios de obxectividade, seguridade, transparencia, eficiencia, rendibilidade e diversificación, coa fin de fomentar o financiamento a empresas e particulares residentes en España.


¿Por qué se crea o FAAF?

A creación do FAAF responde á escaseza de financiamento interbancario que, ao impedir ás entidades de crédito financiarse nos mercados de capitais, desacelerou significativamente a oferta de crédito ás empresas produtivas e ás familias españolas. Malia a solidez e solvencia das entidades de crédito españolas, estas non son alleas ás dificultades no acceso ao financiamento. O FAAF créase para fomentar ese financiamento.

Por tanto, o FAAF xorde como resposta a un fallo de mercado e non como medida de rescate dirixida a unha ou unhas entidades determinadas. Aspira, pois, a contribuír á activación do fluxo de crédito a empresas e particulares que outorgan as entidades de crédito.


O FAAF como instrumento de liquidez

Coa creación do FAAF preténdese estimular a concesión de crédito por parte das entidades de crédito ás entidades non financeiras, empresas e particulares. Para iso, inxectaranse ata 50.000 millóns de euros ao longo dos próximos meses mediante a adquisición de activos financeiros de máxima calidade das entidades de crédito, o que lles proporcionará a oportunidade de mobilizar activos dos seus balances e de xerar a liquidez necesaria para seguir prestando ao sector privado residente. .

Un obxectivo específico do FAAF é o fomento da creación de novo crédito. Para tal fin reservarase ata un 25% do volume total adxudicado nas poxas (o chamado tramo non competitivo) para a súa adxudicación ás entidades en función da súa contribución ao crédito novo a “outros sectores residentes”, isto é, a empresas e a familias.


O FAAF non é un plan de rescate

O FAAF non é un plan de rescate, como tampouco é un instrumento de adquisición de activos “tóxicos” ou de risco .

Todo o contrario, o FAAF é un mecanismo para facer fronte a un problema de desaparición transitoria da liquidez nos mercados de capitais internacionais e pretende suplir, en certa medida, esta fonte de financiamento das entidades de crédito. Para iso proporciona crédito a medio prazo (máis dun ano, en calquera caso) ás entidades de crédito a través da compra, en firme ou en operacións simultáneas, de activos da máxima calidade que sexan ou vaian ser negociados en mercados regulados. .

Polo tanto, o FAAF non vai dirixido a unha entidade financeira específica, senón que pretende dar solución a un problema de escaseza de oferta de crédito no mercado de capitais. .

Por outra banda, só adquire activos de máxima calidade, con cualificación AAA para compras en firme e AA para compravendas simultáneas, outorgado por, polo menos, unha das axencias de cualificación de riscos de recoñecido prestixio. Isto, xunto co feito de que os activos adquiridos deben estar emitidos con posterioridade ao 1 de agosto de 2007 no caso das simultáneas e ao 15 de outubro de 2008 no caso das compras en firme, exclúe os chamados “activos tóxicos” dos activos susceptibles de ser comprados por parte do Fondo.



¿Canto custa o FAAF aos cidadáns?

O deseño do FAAF permite esperar que sexa rendible, polo que non é previsible que supoña custo ningún para o contribuínte, senón todo o contrario. Así, a taxa de xuro que obtén o FAAF pola compra de activos nas poxas vai ser maior que o custo de financiamento equivalente do Estado, que é o custo da Débeda do Estado ao mesmo prazo.

¿Cómo se financia o FAAF ?

O FAAF financiarase a través de emisión de Débeda Pública, cuxa rendibilidade será a que determine a taxa de xuro mínima á que o FAAF adquirirá os activos de máxima calidade ás entidades de crédito mediante poxas .



¿Cales son os órganos de administración, xestión e dirección do FAAF?

Tal e como establecen o Real decreto-Lei 6/2008 e a Orde EHA/3118/2008, o FAAF está adscrito ao Ministerio de Economía e Facenda, a través da Secretaría de Estado de Economía, con cargo á Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira.

Correspóndelle ao Ministerio de Economía e Facenda, a través dun Consello Reitor e da súa Comisión Executiva, a administración, xestión e dirección do FAAF. Ademais, a Comisión Executiva contará co asesoramento que estime oportuno e, particularmente, co dun comité técnico integrado por representantes da Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira, do Instituto de Crédito Oficial, do Banco de España e da CNMV


¿Como está formado o Consello Reitor e cal son as súas funcion?

O Consello Reitor, cuxa composición e funcións se establecen no Real decreto-Lei 6/2008, é o máximo órgano de goberno do Fondo.

Así, corresponderanlle as funcións de establecemento das directrices de investimento do FAAF; o seguimento e avaliación da actividade do FAAF; decidir a aplicación dos rendementos dos activos, así como o produto dos seus vencementos ou vendas; aprobar os seus orzamentos de explotación e capital; e aprobar o informe cuadrimestral sobre a xestión do FAAF.

Componse de:

. Ministro de Economía e Facenda (Presidente)
. Secretario de Estado de Economía
. Secretario de Estado de Facenda e Orzamentos
. Presidente do Instituto de Crédito Oficial
. Interventor Xeral do Estado
. Avogado Xeral do Estado
.Directora Xeral do Tesouro e Política Financeira, con voz pero sen voto (Secretaria)

O seu réxime xurídico de actuación axustarase ao disposto no capitulo II do título II da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común .

¿ Como está formada a Comisión Executiva e cales son as súas funcións ?


As funcións da Comisión Executiva son as determinadas polo Real decreto-Lei 6/2008. A súa composición determínase no Acordo primeiro do Consello Reitor de data 27 de outubro de 2008 (Resolución de 31 de outubro de 2008, da Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira) .

Así, corresponderanlle as funcións de realizar as operacións de adquisición, alleamento, disposición e xestión de activos financeiros do FAAF, de acordo coas directrices do Consello Reitor; elaborar a proposta dos orzamentos de explotación e capital; e elaborar o informe cuadrimestral sobre a xestión do FAAF .

 

Componse de:

. Secretario de Estado de Economía (Presidente)
. Directora Xeral do Tesouro e Política Financeira
. Director Xeral de Seguros e Fondos de Pensións
. Un representante da Avogacía Xeral do Estado
. Un representante do Instituto de Crédito Oficial (ICO)
. Un representante da Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE), con voz pero sen voto
. Un membro da Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira, con voz pero sen voto (Secretario)

O seu réxime xurídico de actuación axustarase ao disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992 .


¿Como está formado o comité técnico e cales son as súas funcións?

A súa composición e funcións son as determinadas pola Orde EHA/3118/2008..

Así, correspóndelle o asesoramento técnico da Comisión Executiva no exercicio das súas funcións e propoñer á Comisión Executiva, de maneira motivada, as adxudicacións que se realizarán en cada poxa .

Componse de:
. Directora Xeral do Tesouro e Política Financeira (Presidenta)
. 3 representantes do Banco de España
. 2 representantes da Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV)
. 2 subdirectores xerais da Dirección Xeral do Tesouro e Política Financeira (un deles secretario do comité)
. 1 representante do Instituto de Crédito Oficial (ICO)

 

¿Que entidades poden vender activos ao FAAF?

Poden acudir ás poxas do FAAF as entidades de crédito domiciliadas en España e as sucursais en España de entidades de crédito estranxeiras. O FAAF está aberto, por tanto, a bancos, caixas de aforro, cooperativas de crédito e establecementos financeiros de crédito. Para participar nas poxas, non obstante, deberán manifestar previamente o seu interese ao respecto mediante o procedemento contemplado na convocatoria das poxas .


¿ Como compra activos o FAAT ?

O FAAF compra os activos financeiros, tanto en simultáneas como en firme, mediante a realización de poxas .

obxectivo da poxa é que sexan as propias entidades de crédito as que compitan polos fondos do FAAF e sexa esta competencia a que determine a taxa de xuro. Deste xeito, preténdese unha asignación eficiente dos fondos do FAAF .

Ademais, a Orde EHA/3118/2008 establece que o FAAF pode reservar parte dos fondos ofertados na poxa a un tramo non competitivo. Neste caso, a adxudicación será proporcional á contribución das entidades solicitantes ao crecemento do crédito ao sector privado residente. A taxa de xuro á que se adxudican as ofertas non competitivas á a menor do tramo competitivo da poxa, co que se persegue incentivar as entidades a conceder novo crédito.

 




¿Por qué poxas ?

A poxa é un mecanismo aberto á competencia e con criterios de mercado polo que as entidades de crédito poxan polos fondos do FAAF .

As entidades deben presentar as súas peticións especificando, nas poxas competitivas, a taxa de xuro e o importe poxado. Estas ofertas ordénanse de maior a menor taxa de xuro e adxudícanse en función do volume máximo de fondos a adquirir polo FAAF, así ata esgotar os fondos dispoñibles na poxa. No caso de exceder as solicitudes o volume poxado polo fondo, estas ratearanse consecuentemente. De existir exceso de volume ofertado polo FAAF, este exceso acumularase na seguinte poxa .


¿ Por que un tramo non competitivo?

Coa fin de incentivar a concesión de novo crédito á economía real, a Orde EHA/3118/2008 establece que o FAAF pode reservar parte dos fondos ofertados, ata un 25%, para o chamado tramo non competitivo da poxa .

Este tramo da poxa adxudícase ás entidades en función da súa contribución ao crédito novo concedido ao sector privado residente, a unha taxa de xuro que será a taxa marxinal (a menor taxa de xuro) das adxudicacións do tramo competitivo da poxa .


¿ Ata cando durará o FAAT ?

O Real decreto-Lei 6/2008 e a Orde EHA/3118/2008 establecen as condicións sobre a vida do FAAF.

Así, o FAAF non poderá celebrar poxas alén do 31 de decembro de 2009. Así mesmo, corresponderá ao Consello de Ministros, ante causas económicas que así o xustifiquen e previo informe da Comisión Delegada de Asuntos Económicos, a decisión sobre a extinción anticipada e liquidación do FAAF. Trátase, por tanto, dunha medida transitoria cuxa vida está limitada e que se extinguirá cando o fallo de mercado que xustifica a súa existencia desapareza .


¿ Que son as compras en firme ?

A compra en firme é a operación mediante a cal o FAAF adquire activos das entidades solicitantes. Ao tratarse dunha compra en firme, o FAAF adquirirá os activos de maior calidade, respectando os principios de seguridade dos activos. O FAAF resérvase, non obstante, a posibilidade de poder vender antes do seu vencemento estes activos no mercado .



¿ Que son as compravendas dobres ou simultáneas ?

A compravenda dobre ou simultánea é unha operación na que a entidade que vende o activo se compromete á súa recompra ao prezo pactado e ao cabo dun período de tempo. Esta operación é moi similar a un préstamo con garantía que o FAAF outorga ás entidades de crédito que acoden á poxa .

Así, unha vez determinado o volume que o FAAF adquire a cada entidade e a taxa de xuro, esta cesión realízase por un período de tempo determinado, superior a un ano en calquera caso, durante o cal o FAAF dispón como garantía dunha serie de activos que lle proporciona a entidade .

Ao rematar o período da operación, a entidade reintegra o importe ao FAAF e este devolve os activos de garantía á entidade de crédito .


¿ Que activos compra o FAAF ?

O FAAF comprará cédulas hipotecarias e determinados bonos de titulización. Só se adquiren activos de máxima calidade, medida polo seu rating, outorgado por, polo menos, unha das axencias de cualificación de riscos de recoñecido prestixio. Así, o Fondo só adquirirá activos con cualificación AAA para compras en firme e AA ou asimilados para operacións de compravendas dobres .

Ademais, esíxese que os activos se negocien en mercados regulados. Deste xeito os activos que adquire o FAAF están sometidos á estrita regulación da Comisión Nacional do Mercado de Valores en materia de emisións de activos sometidos a negociación nos mercados regulados


¿Que son as cédulas hipotecarias ?

As cédulas hipotecarias son valores de renda fixa emitidos polas entidades de crédito e amparados pola totalidade da súa carteira de préstamos hipotecarios. Por este motivo, son activos que gozan dunha dobre seguridade, a dos préstamos hipotecarios que amparan a súa emisión e a da entidade emisora .

Ademais, tal seguridade vese reforzada pola sobrecolateralización derivada da normativa vixente, que establece que o volume de cédulas hipotecarias emitidas por unha entidade e non vencidas non pode superar o 80% dos capitais non amortizados de todos os créditos hipotecarios da entidade aptos para servir de cobertura .

Desde o punto de vista da transparencia, hai que sinalar que as entidades emisoras das cédulas hipotecarias rexistran o folleto informativo da emisión na CNMV .


¿Que son os bonos de titulización ?

O bono de titulización é un instrumento financeiro emitido por unha Sociedade de Titulización e amparado polos valores que lle ceden as entidades de crédito. O fondo de titulización configúrase como un patrimonio separado das entidades cedentes, de forma que a carteira titulizada queda fóra do alcance dos acredores de ditas entidades .

Mediante la titulización las diferentes entidades cedentes, incluso aquellas que por su reducido tamaño no tendrían acceso a otras fuentes de financiación, ponen en común activos de elevada calidad para respaldar la emisión de bonos de titulización y acceder a financiarse en condiciones más favorables que las que obtendrían individualmente.

A CNMV supervisa as sociedades xestoras de fondos de titulización e, por outra parte, os folletos das titulizacións son obxecto de rexistro na CNMV .


¿ Que haircuts ou recortes aplicará o FAAF ?

Os recortes, tamén denominados marxes de cobertura, consisten nunha rebaixa que se aplica no valor de mercado do activo que se utiliza como garantía dun préstamo nas operacións simultáneas. Deste modo, se o haircut é do 10%, un activo valorado en 100 só poderá garantir un préstamo por valor de 90.

 

Os recortes que aplicará o FAAF serán, preferentemente, os utilizados polo Banco Central Europeo para cada tipo de activo .



¿ Operará o FAAF nos mercados financeiros de capitais ?

 

O FAAF non opera nos mercados financeiros, xa que a súa misión é a de contribuír ao fomento da liquidez para permitir ás entidades financiar as súas operacións nos mercados de capitais e, sobre todo, permitir que as entidades continúen financiando empresas e particulares españois .


¿ Que criterios de diversificación aplicará o FAAF ?


Os criterios de diversificación dos investimentos do FAAF perseguen limitar a concentración de riscos. Para tal fin, a normativa vixente establece que o FAAF terá dúas carteiras, unha de activos adquiridos en firme e outra de valores adquiridos en operacións simultáneas .

Ademais, establécense limitacións da exposición da carteira a un mesmo emisor (10% na carteira de compras en firme) e a unha mesma entidade (10% na carteira de simultáneas) .

Adicionalmente, con obxecto de evitar o acaparamento en cada unha das poxas por parte dalgunha entidade e de garantir a ausencia de barreiras de entrada para as entidades de menor tamaño, establécense limitacións ao importe máximo que unha entidade poderá obter nunha poxa, que será a menor das seguintes cantidades :

. 10% do volume máximo a adquirir polo FAAF na poxa

. 2,5 veces a cota da entidade na rúbrica de “Crédito. Outros sectores residentes” multiplicado polo volume máximo que poderá adquirir o FAAF na poxa




¿ Quen controla o FAAF ?

O Real decreto-Lei 6/2008 e a Orde EHA/3118/2008 contemplan un dobre mecanismo de control. Por unha parte, a Intervención Xeral da Administración do Estado (IXAE) controlará o FAAF a través da auditoría pública .

Por outra banda, o control parlamentario descansa na remisión á Comisión de Economía do Congreso dos Deputados por parte do Ministro de Economía e Facenda dun informe cuadrimestral con ampla información sobre as operacións e estado do FAAF, así como das contas anuais do FAAF. Así mesmo, contémplase a comparecencia cada dous meses ante a citada Comisión do Congreso do Secretario de Estado de Economía, na súa calidade de Presidente da Comisión Executiva, para informar sobre a evolución do FAAF .


 

.

imagen

Imagen " "